Thursday 16 de May de 2024

O Concello e a Deputación renovan a súa colaboración para a xestión do Teatro Colón dous anos máis


O Concello continuará sendo responsable da programación do auditorio ata decembro de 2023

O Concello da Coruña e a Deputación provincial renovan o seu convenio de colaboración para a xestión conxunta do Teatro Colón. O IMCE, como organismo municipal, continuará a facerse cargo da programación e desenvolvemento dos espectáculos do auditorio ata decembro de 2023.

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinarán nos vindeiros días este acordo que foi aprobado en pleno polo ente provincial. Ambas entidades colaboran na xestión do Teatro Colón desde o ano 2018. O espazo é de propiedade provincial e está integrado na rede pública de espazos culturais da cidade.

O obxectivo deste acordo é contribuír a defender e divulgar os valores socioculturais da cidade, potenciar o desenvolvemento das actividades culturais no seu conxunto, levar a cabo e xestionar os programas do Concello relacionados con actividades culturais de interese para a cidadanía, xestionar e promocionar todos aqueles espectáculos que poidan dinamizar a oferta cultural da Coruña e xestionar as instalacións e o equipamento municipal.

Tanto o Concello como a Deputación salientan que a experiencia ao longo destes anos de colaboración no Teatro Colón foi moi positiva pola calidade da programación, cunha alta asistencia de público aos espectáculos programados e unha valoración moi favorable, tal e como reflicten as enquisas.

Á vista desta experiencia e aínda que no momento actual a situación causada pola pandemia do COVID-19 supón unha situación de incerteza económica en moitos ámbitos, a Deputación e o Concello apostan, especialmente nestes momentos, polo máximo apoio á cultura e aos seus axentes en todas as súas manifestacións, para as que o Teatro Colón é un referente a nivel galego.

A Deputación achegará a través deste acordo 500.000 euros, dos que 350.000 estarán dedicados a financiar os custos da programación que realice o IMCE e 150.000 euros ao mantemento das instalación. Pola súa banda, o IMCE aboará os custos do persoal de xerencia do Teatro e de asistencia técnica, así como dos espectáculos e actividades, difusión e publicidade dos mesmos, venda de entradas, limpeza do inmoble e seguros.